Congreso Internacional Ciencias da saúde animal (e humana) na Idade Media europea: autores, textos e contextos

Por razóns de índole diversa e salvo honrosas excepcións, os textos científicos medievais permanecen con frecuencia á marxe dos estudos filolóxicos, coa irreparable falla que isto supón no coñecemento dunha parcela importante da cultura medieval.
Para contribuír a cubrir parte dese baleiro, especialistas de referencia no ámbito internacional reuniranse en Santiago de Compostela, entre o 25 e o 27 de setembro de 2018, nun encontro científico que pretende mostrar a estudantes, investigadores e persoas interesadas naquel período histórico os nomes e espazos que privilexiaron a redacción e tradución de obras relativas á saúde.
A atención centrarase fundamentalmente nos manuais dedicados a preservar os animais que foron signo de identidade da nobreza medieval —o cabalo e as aves de caza—, mais no se deixarán de lado os textos dedicados á botánica, á farmacoloxía ou á medicina, dadas as relacións existentes entre esas disciplinas e a veterinaria. Nas intervencións primarase o achegamento aos textos desde unha perspectiva filolóxica, aínda que non se desatenderán a histórica nin a médico-veterinaria-farmacéutica, sabedores de que a transversalidade e a interdisciplinaridade constitúen aspectos imprescindibles e complementarios no estudo dos textos científicos medievais.
O congreso forma parte das actividades desenvolvidas no proxecto de investigación Edición crítico-interpretativa do «Livro d’Alveitaria». Bases para unha plataforma on-line da tradición do «De medicina equorum» (Xunta de Galicia) e está promovido polo Grupo de Investigación 1350 da Universidade de Santiago de Compostela (GRC2017/32) e a Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares (2016-PG069). Os seus principais destinatarios son especialistas, alumnos e doutorandos de Filoloxía, Historia, Medicina, Veterinaria, Farmacia e disciplinas afíns.
O evento está recoñecido como Actividade Formativa dos seguintes Programas de Doutoramento da Universidade de Santiago de Compostela: Estudos Medievais; Estudos da Literatura e da Cultura; Historia, Xeografía e Historia da Arte, e Medicina e Sanidade Veterinaria.
A inscrición é gratuíta para os alumnos dos anteditos Programas de Doutoramento e para os membros da Rede de Estudos Medievais Interdisciplinares.